Wednesday 01 de May de 2024

A Xunta inicia este luns a obra de paso sobre o río Vao, en Coristanco, para facilitar o acceso ás fincas nun camiño de servizo da autovía da Costa da Morte


Esta intervención supón un investimento autonómico de 35.000 euros e os traballos teñen un prazo estimado de execución de 1 mes
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade iniciará mañá as obras de paso sobre o río Vao, en Coristanco, para facilitar o acceso ás fincas nun camiño de servizo da autovía da Costa da Morte.
Esta intervención, cun investimento autonómico duns 35.000 euros, terá un prazo de execución estimado de 1 mes.
Con esta intervención aténdese a solicitude do Concello de Coristanco para permitir o cruce dun curso de auga no camiño de servizo da marxe dereita da autovía, no seu punto quilométrico 40+070.
O camiño de servizo existente dá acceso actualmente a todas as fincas, pero non hai posibilidade de cruzar o rego, debéndose acceder ás propiedades de cada marxe do río por un lugar distinto. Coa execución da obra de paso permitirase un aforro nas distancias percorridas para o acceso ás fincas.
Os traballos consistirán na disposición de tres marcos de 2×1 metros de sección rectangular, colocados en paralelo, un a carón do outro. Esta sección adáptase ao ancho do canle existente, de 6 metros, permitindo desaugar á avenida ordinaria.
A actuación desenvólvese en terreos titularidade do departamento de Infraestruturas da Xunta, polo que non é necesario realizar expropiacións.